A alcaldesa da cidade,Marián Ferreiro, presidiu esta tarde, ás 19.00 horas, o acto de recepción oficial ao Club Deportivo Narón. A rexedora local felicitou aos integrantes do CD Narón, que quedaron campións de Segunda Galicia da comarca de Ferrolterra, o que lles permite ascender directamente a Primeira Galicia. “Transmitides á perfección os valores do deporte, o traballo en equipo e o compañeirismo e neste Concello estamos moi satisfeitos de que formedes parte da familia do deporte de Narón”, subliñou a alcaldesa, que excusou a ausencia no acto do edil de Deportes, Román Romero.
“Quero que fagades extensiva a felicitación ao resto de equipos do Club Deportivo Narón”, indicou Ferreiro, que destacou que “Narón goza de moi boa saúde no deporte e o Club Deportivo Narón é un excelente exemplo”. A alcaldesa valorou o traballo dos dezasete equipos que integran o CD Narón nas diferentes categorías e incidiu no feito de que “como muller síntome especialmente orgullosa de ver que tanto nos equipos base como na propia directiva tamén se aposta polas mulleres, o que achega ao deporte esa igualdade tan necesaria en tódolos ámbitos das nosas vidas”.
Pola súa banda, o presidente do clube, Xoán Andrés Pena, agradeceu o respaldo do Concello de Narón e avanzou que “esperamos conseguir máis ascensos na vindeira tempada, porque tamén estivemos a piques de logralo na categoría infantil”. “A nosa idea é representar a Narón como a oitava cidade de Galicia que é en tódolos sitios nos que xogamos”, asegurou, para avanzar a continuación que en materia de igualdade “estamos traballando para ampliar un equipo feminino”.
Os xogadores e representantes da directiva do clube levaron uns agasallos institucionais e a alcaldesa entregoulles unha placa en recoñecemento do ascenso a Primeira Galicia. Pola súa parte, en representación do CD Narón, dous dos xogadores, Dani Serantes e Iván Blanco, entregáronlle a Marián Ferreiro unha camiseta asinada polo equipo.
(fuente galicia artabra digital)