O vindeiro luns 15 de agosto, día festivo a nivel nacional, celebrarase no complexo deportivo da Gándara un cuadrangular en homenaxe ao ex futbolista Carlos Javier Torres Novo (1952-2015), no que participará o noso equipo Xuvenil A xunto co Racing Club Ferrol, SD O Val e SRD Galicia de Caranza. Torres, que faleceu o pasado 30 de marzo de 2015, aos 62 anos de idade, foi xogador do mítico Arsenal, Racing Club Ferrol e Vivero CF.
Os partidos xogaranse a dous tempos de 35 minutos cada un, sendo as dúas semifinais pola mañá e a final e terceiro e cuarto posto pola tarde.
Os discípulos de Jandro Paadín e Mariño Rodríguez disputarán a primeira semifinal, a partir das 10:30 horas, fronte ao Racing Club Ferrol, equipo de Liga Nacional que preparan e dirixen Manel e Fran Caínzos. Este match será o segundo envite entre amarelos e verdes nesta pretempada despois do celebrado o pasado sábado 6 de agosto no Cadaval. O resultado do primeiro envite estival foi 2 a 5 a favor dos verdes tras unha primeira metade igualada (1-1, resultado ao descanso).
A outra semifinal celebrarase a partir das 11:45 horas e disputarana a SRD Galicia de Caranza e a SD O Val; mentras que o terceiro e cuarto posto e a final celebraranse ás 18:30 horas e 20:00 horas, respectivamente.